http://www.lavozdegalicia.es/santiago/2 ... 537274.htm
Entrevista | CARLOS QUIROGA profesor de literatura da usc e escritor
«En Portugal, o iberismo é unha etiqueta que vende»
Foi por sexto ano representante das Letras Galegas nas internacionais Correntes d'Escritas de Póvoa do Varzim
Autor:
J. Gómez
Fecha de publicación:
18/2/2009
As Correntes d'Escritas da Póvoa de Varzim é un acontecemento que «se tornou unha droga», afirma Carlos Quiroga, e ese era o asunto do seu contributo na revista oficial dese encontro internacional, que xuntou do 11 ao 14 de febreiro a 127 participantes de países da Europa, América e África. Este profesor da USC foi representante das Letras Galegas en seis das dez edicións celebradas. Neste ano estivo acompañado de Xavier Queipo, Xosé María Álvarez Cáccamo, «e dunha nova axencia literaria galega que se presentou como tal, e que resulta unha novidade», afirma Quiroga.
-¿Que houbo nas Correntes deste ano?
-A pesar dos moitos actos organizados, o auditorio sempre estivo cheo, con xente nos corredores. Houbo apoio do Ministro da Cultura, da Cámara Municipal, do Casino da Póvoa, de empresas, editoras, premios; editaron a revista conmemorativa, tres catálogos de fotografía oficiais, un libro de biografías, presenzas escolares, unha antoloxía de poetas participantes nas Correntes traducidos ao alemán...
-¿Traduciron algún poema seu ao alemán?
-Si, traduciron dous. As Correntes son un pretexto para conversas onde emerxe o lado máis persoal dos escritores. Son interesantes os coloquios, con participación de poetas e profesores.
-¿Que países participaron?
-Sempre é máis numerosa a lingua portuguesa que a española, aínda que conviven. Houbo presenzas do Brasil, de Chile, Colombia, Ecuador, España. A comunicación social ofreceu unha importante cobertura; todo o país se adhire á marca Correntes.
-¿En que consistiu a súa participación?
-Alén da presenza en varias das publicacións do certame,
moderei unha mesa redonda.
-¿Que conclusións destaca da súa participación?
-Unha das constantes que observo é que o iberismo en Portugal é unha etiqueta que vende, e moito. E é importante o desenvolvemento que atinxiu este encontro, que era moi
modesto inicialmente, e agora dinamiza numerosas actividades, recitais moi concorridos, unha feira do libro. A literatura ten un protagonismo moi especial e, aínda que a crise tamén tocou o sector do libro en Portugal, neste encontro evidénciase un gran potencial.
-¿Traballa en novos proxectos literarios?
-Teño traballos finalizados. E tal vez publique de novo en Portugal, onde me fan ofertas. Aquí non vexo hipótese, a pesar da aparente apertura lingüístico-ortográfica.
-¿Ten presenza a literatura galega en Portugal?
-Cada vez máis; aínda que algúns editores ven difícil facer versións do galego castelanizado, e de algúns galegos fan versións desde traducións do español.